O entorno familiar non só é o ámbito natural para o desenvolvemento da comunicación, é tamén o único que pode proporcionar unha estimulación intensiva ó longo dos 365 días do ano. Por outra parte esta estimulación está profundamente unida ás condutas espontáneas e naturais da vida cotiá.
Dentro das actividades da vida diaria hai algunhas que, pola especial relación que se produce entre o nen@ e os pais, son moi apropiadas para a estimulación da linguaxe como poden ser: a comida, o baño, o vestirse, o deitarse, cando os nenos xogan, etc.
Pero ademais podemos buscar outras situacións que nos axuden como contarlle algún conto adaptado á súa idade, mirar con eles os debuxos do conto e comentalos, ir ao campo, ao parque, a unha feira… e comentar o que vemos, etc…
Os nenos e as nenas aprenden por imitación e interacción co seu mundo. O papel da familia no desenvolvemento da linguaxe é insustituíble.
Falarlle moito, xa que a falar apréndese falando. Despacio e claro. Pronunciando correctamente. Empregando un ton baixo, oracións ben elaboradas e un vocabulario amplo. Ensinarlle a respectar as quendas da conversa.